maio 04, 2012

A A.C.Almuinha presenta unha queixa ao Valedor do Pobo ante a negativa do Concello de Marín a recibirnos

Dende o pasado 27 de Decembro, a A.C. Almuinha e todas as persoas que a compoñemos estamos a agardar a chamada da Concellería de Cultura. Levamos dende hai case cinco meses procurando información acerca das subvencións culturais 2009. O pasado mes de marzo, coñecimos a través da prensa que se decidira paralizar o expediente e non convocar as axudas correspondentes aos anos 2010 e 2011.
Ante isto, Almuinha solicitou no Rexistro do Concello que se retomase e resolvese o expediente, que informasen acerca de onde se aplicou esa partida orzamentaria e os criterios de adxudicación para as axudas individuais.
Despois de case un mes dende a última solicitude e encontrándonos novamente sen resposta ou pronunciamento algún por parte dalgún membro do goberno local, decidímonos a facer unha queixa formal ao Valedor do Pobo.
Almuinha leva realizando actividades culturais na nosa vila dende a súa creación no 2008 e tan só un ano recibimos axuda algunha por parte do Concello. ESIXIMOS SEXA TRAMITADO O EXPEDIENTE E SE RESOLVAN AS SUBVENCIÓNS CORRESPONDENTES AO ANO 2009.

Sem comentários: